Sunday 12 de May de 2024

O Concello coopera con Solidariedade Galega nun proxecto de atención sanitaria en Chiapas


A ONG Solidariedade Galega retomará o proxecto de atención sanitaria no Hospital San Carlos Altamirano, referente para a poboación indíxena de Chiapas, en México, que desde 2016 apoia en colaboración directa co propio hospital, xestionado polas Hijas de la Caridad de San Vicente de Paúl. O Concello de Oleiros financia na súa totalidade este proxecto con 16.450 euros.

Será unha misión solidaria que levará a 10 profesionais sanitarios entre os días 25 de novembro e 10 de decembro. O persoal sanitario que se desprazará ao sur de México ten especialidades de cirurxía xeral, anestesia, xinecoloxía, cardioloxía e oftalmoloxía, das que carece o hospital.

O centro sanitario é o referente para a atención da poboación indíxena de Chiapas —o 89% da poboación—, brindando unha atención de calidade como dereito fundamental de toda persoa, independentemente da súa situación económica.

Unha vez alí, prevén atender 80 consultas e 40 intervencións en cirurxía xeral, 100 consultas e 40 intervencións xinecolóxicas, así como 450 consultas e 10 intervencións na área oftalmolóxica, ademais proveer de 300 gafas. En total, a colaboración constará de máis de 700 consultas e preto dun cento de intervencións.

As persoas que se trasladan co apoio do concello utilizan as súas propias vacacións e non se limitarán a prestar os seus servizos no hospital, senón que se desprazarán xeograficamente para realizar intervencións a domicilio.